Tirán e Chapela repártense alegrías e decepcións en Cesantes
O campo de regatas do Peirao de Cesantes sempre depara sorpresas na Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia e este domingo non foi menos. Chapela-Wofco perdeu a súa condición de invicta na sétima xornada da Liga A, ao verse superada diante da Illa de San Simón por Tirán-Pereira, mentres que na oitava cita da Liga Feminina a alegría e a decepción cambiaron de bandos. A tripulación berete deu un paso importante cara ao título grazas a un grave erro da embarcación moañesa.
O mar estivo moito máis calmo do habitual en Cesantes, un campo no que se compite a seis longos. As viradas resultan claves neste escenario e o paso pola primeira ceaboga na quenda de honra da III Bandeira Feminina Cesantes – Concello de Redondela foi decisivo. Tirán-Pereira, que viña de gañar a xornada anterior en Ferrol e de situarse a dous puntos na xeral da líder Chapela-Wofco, colleu a boia por estribor e deixouse medio minuto ao remate do longo inicial. Este erro despexou o panorama para o equipo berete, que na segunda virada xa avantaxaba en 15 segundos a Amegrove, en 20” a Mecos e en 37” a Tirán-Pereira. O seu sexto triunfo nesta campaña conseguiuno de xeito plácido. Pola súa banda, as remeiras de Moaña chegaron a ocupar momentaneamente o último posto da Bandeira, pero lograron remontar ata o cuarto. No último parcial incluso adiantaron a Mecos. Deste xeito, Chapela-Wofco amplía a súa renda na xeral a 5 puntos cando restan tres citas puntuables.
O terceiro posto en Cesantes, por detrás de Chapela-Wofco e de Amegrove, acadouno Cabo da Cruz, a máis rápida nas dúas primeiras quendas, que se disputaron lanzadas. A formación de Boiro asinou os mellores parciais da súa serie dende a primeira virada por diante da Cabana-Ferrol. Ao remate da regata a diferenza entre ambos conxuntos alcanzou os 20 segundos. Xunto a elas remou Salgado-Perillo. As de Oleiros non se encontraron cómodas e no último longo caeron á oitava posición da Bandeira, 1 segundo por detrás de Cesantes-Bueu.
As anfitrioas abriron oco na súa serie ante Rianxo e Castropol, unha actuación que lles permitiu protagonizar o seu segundo mellor resultado da temporada. En canto á Virxe da Guadalupe e a Río del Eo, as asturianas conseguiron achegarse ás do Barbanza á conclusión do cuarto parcial, virando a tan so 1 segundo, pero a partir de aí a embarcación rianxeira volveu despegarse.
LIGA A
O pleno de vitorias de Chapela-Wofco na Liga A concluíu no seu concello. Despois de seis triunfos consecutivos, a líder non puido con Tirán-Pereira na VIII Bandeira Cesantes – Concello de Redondela. A Mar do Con e a Arelonga completaron o primeiro parcial co mesmo tempo que Samertolameu-Oversea. Na quenda de honra só cedía Castropol e no duelo a tres entre equipos da Ría de Vigo tomaba a dianteira Tirán no segundo parcial, 1 segundo por diante de Meira e con 3 de marxe sobre Chapela. Unha vez que colleu o mando, Tirán amosouse imparable. A súa vantaxe elevouna a 7” no ecuador da regata e a 14” na cuarta ceaboga. Finalmente, venceu por unha marxe de 15” respecto á líder, que no quinto longo rachou a igualdade total que mantiña con Samertolameu. A ledicia de Tirán-Pereira foi dobre. Ademais de gañar, desempata ao seu favor no segundo posto da xeral cos seus veciños de Meira.
Tamén deixan de estar igualadas Castropol e Bueu-Simei. A tripulación asturiana non puido rebaixar o tempo que anteriormente marcara Bueu-Simei como gañadora das series lanzadas. A Maruxía non deu opción na súa quenda e a emoción centrouse no pulso entre Narón e Urme, cos de Ferrolterra por diante dende o cuarto longo. Mecos non foi quen de meterse nesa pugna.
A Mequiña clasificouse novena por detrás de Mugardos, vencedora da primeira serie Ambos equipos quedan empatados na xeral. A Bestarruza remou a outro ritmo na quenda que compartiu con Cesantes-Rodavigo e Cabo da Cruz. Esta vez o man a man por eludir a undécima posición decantouse con claridade a prol da tripulación que exerceu de anfitrioa.
