Portada ›› Remo ›› Chapela Wofco resárcese e consegue unha contundente vitoria en Narón

Chapela Wofco resárcese e consegue unha contundente vitoria en Narón

Chapela Wofco resárcese e consegue unha contundente vitoria en Narón
  • Tirán Pereira remonta a Samertolameu Oversea e se asenta na segunda posición
  • Narón consegue un novo sexto posto remando na casa
  • Mecos remonta no último longo e supera a Urme e Mugardos

O paseo marítimo da Gándara acolleu este sábado a oitava xornada da Liga Galega de Traíñas, coa disputa da VII Bandeira Cidade de Narón. A cita contou cun día soleado, mais co vento como claro protagonista, deixando refachos de ata 18 km/h que obrigaron ás tripulacións a adaptarse e xestionar con tino cada palada.

A regata comezou cun ritmo alto dende as primeiras quendas. Na quenda inaugural, con Cabo da Cruz, Cesantes Rodavigo e Mugardos, foron estes últimos quen marcaron o paso dende a saída, con Cabo a 3 segundos e Cesantes Rodavigo a 6 na primeira virada. Na segunda quenda con Mecos, Narón, Castropol e Urme, o liderado inicial foi para Castropol, seguido de Urme a 6 segundos, mentres Mecos e Narón chegaban igualados a 11 segundos, só por diante do tempo de Cesantes Rodavigo.

Nas seguintes viradas, pouco mudou na cabeza e Castropol e Mugardos fixéronse co triunfo nas súas mangas con autoridade. Iso si, o tempo de Mugardos mantivo a emoción no crono fronte ás tres embarcacións da quenda seguinte, que chegaron completamente igualadas á segunda virada, con 3 segundos de vantaxe sobre o rexistro dos mugardeses. No terceiro longo, Narón adiantou a Urme para colocarse segundo e consolidou a posición ata o final, superando con claridade a Urme, a Mecos e ao tempo da primeira quenda.

Por detrás, na terceira virada, os de Muros marchaban terceiros e os do Grove cuartos, a só un segundo de Mugardos. Mais no último longo, A Mequiña protagonizou unha gran remontada para superar a Urme por 90 centésimas e mellorar tamén o tempo de Mugardos.

A continuación chegou a última quenda, con Chapela Wofco, Tirán Pereira, Samertolameu Oversea e Bueu Simei. O líder da liga, que a pasada semana vira como Tirán Pereira lle arrebataba unha bandeira, saíu hoxe disposto a resarcirse e non deu opción aos seus rivais, rematando cunha vantaxe de 16 segundos. Por detrás, Samertolameu Oversea situouse segundo dende a saída, mantendo a posición por tan só un segundo sobre os veciños de Tirán Pereira na segunda virada. Porén, na última virada, os da Mar do Con culminaron a remontada e fixérona efectiva no derradeiro longo, consolidándose así na segunda praza da liga. A cuarta posición foi para Bueu Simei, que, malia estar lonxe dos primeiros, acadou un bo rexistro, mellorando o de Castropol e afianzándose tamén na cuarta praza da clasificación xeral.

2A3A2236