Portada ›› Remo ›› A Cabana Ferrol sentencia o título da Liga B na casa e Tirán sorprende a Chapela na Liga Femenina

A Cabana Ferrol sentencia o título da Liga B na casa e Tirán sorprende a Chapela na Liga Femenina

A Cabana Ferrol sentencia o título da Liga B na casa e Tirán sorprende a Chapela na Liga Femenina

Un dos tres títulos da Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia xa ten propietario. A Cabana Ferrol sentenciou este sábado matematicamente a Liga B remando na súa casa. A Albatros impúxose na contra o reloxo celebrada no porto de Curuxeiras, mesmo formato no que Tirán-Pereira dobregou a Chapela-Wofco na Liga Feminina e apertou a loita polo primeiro posto na xeral.

O forte vento obrigou a cambiar a regata inicialmente prevista por unha contra o reloxo. Deste xeito, as cinco embarcacións da Liga B foron tomando a saída de minuto en minuto na I Bandeira de Traiñeiras Autoridade Portuaria de Ferro, cuarta e penúltima xornada da segunda división masculina. Diante da súa afección, A Cabana Ferrol fixo valer a súa condición de invicta.

A tripulación anfitrión exhibiuse para cantar o ‘alirón’. A primeira posición aseguráballe certificar o título e esa praza ocupou dende o longo inicial. Na primeira das tres viradas obtivo 8 segundos de marxe respecto a Puebla e 12 en relación a Chapela-Wofco B. A cuarta praza correspondía a Bueu-Simei B, a 14”, e a quinta, a Salgado-Perillo, a 33”. Eses postos non variaron e A Cabana Ferrol incluso entrou nas boias de meta lixeiramente por diante da Puebla, baténdoa por 1 minuto e 78 centésimas. Preto do segundo posto quedou a filial de Chapela, a menos de 2” da Carmela.

O día resultou redondo para o club organizador. A Cabana Ferrol, a única novidade entres os inscritos que este ano prestaba a Liga B, quedouse coa bandeira da súa regata e en propiedade coa camisola amarela da xeral. O calendario da segunda división masculina complétase este domingo en Bueu.

cabanao2

Liga Feminina

Das sete xornadas disputadas da Liga Feminina, cinco dominounas Chapela-Wofco. As dúas vitorias que se lle escaparon foron as únicas regatas celebradas contra o reloxo e en ambas triunfou Tirán-Pereira. A tripulación moañesa xa demostrara en Mugardos do que é capaz remando en solitario e, de novo na ría de Ferrol, confirmou que é unha especialista neste formato.

A 9ª Bandeira Feminina Cidade de Ferrol – 7º Memorial Miguel Derungs Criado dividiuse en dúas quendas. Na de honra, Chapela-Wofco e Tirán Pereira marcaron o mesmo tempo no primeiro longo e a partir de aí o conxunto do Morrazo marcou a pauta. A diferenza ao seu favor pasou de 4 segundos no ecuador da regata, a 8” á conclusión do terceiro parcial e a 13” na meta. Deste xeito, Tirán recorta 1 punto e queda a 2 de Chapela-Wofco na xeral cando restan catro citas puntuables, todas elas en agosto.

Amegrove concluíu terceira, posición que ocupou en todas as referencias. As outras dúas embarcacións da quenda de honra, Mecos e Salgado-Perillo, chegaron igualadas ao último longo. As de Oleiros foron máis rápidas, pero arrastraban unha penalización de 10 segundos por non ter collido estacha na saída, unha penalización que as levou a clasificarse por detrás das do Grove.

Nin Mecos nin Salgado-Perillo puideron cos tempos das dúas embarcacións máis fortes da primeira serie. A Cabana Ferrol marcara mellores referencias que Cabo de Cruz ao final de todos os longos, excepto no último. As de Boiro remontaron 16 segundos de vantaxe e rebaixaron o tempo das anfitrioas en 25 centésimas. Acadaron a cuarta e a quinta posición, respectivamente, na clasificación da xornada.

Cesantes- Bueu, oitava na bandeira, sempre ocupou o terceiro posto na quenda inicial. Si que variaron as prazas no duelo entre Rianxo, novena, e Castropol, décima. A Virxe da Guadalupe deulle a volta no segundo longo aos 7” que perdía respecto á tripulación asturiana na primeira referencia.