Portada ›› Remo ›› Tirán sorrí por partida dobre e Cabo vence como local na última xornada

Tirán sorrí por partida dobre e Cabo vence como local na última xornada

Tirán sorrí por partida dobre e Cabo vence como local na última xornada

O calendario da temporada regular da Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia pechouse este domingo en Cabo da Cruz cunha dobre cita. A Liga Feminina baixou o pano coa campioa matemática Salgado-Perillo perdendo a súa condición de invicta ante Tirán-Pereira. O club moañés tamén festexou o seu resultado na Liga A. Fixo segunda por detrás da anfitrioa e, deste xeito, decantou ao seu favor a igualadísima loita polo segundo posto da xeral cos seus veciños de Samertolameu-Oversea.

Logo de festexar na véspera o título da Liga Feminina, as remeiras de Salgado-Perillo non puideron completar o seu pleno de vitorias na novena e derradeira xornada. A VII Bandeira Feminina Rianxeira acadouna Tirán-Pereira. As moañesas viraron 1 segundo por diante do conxunto de Oleiros na ceaboga e ampliaron esa vantaxe ata os 3 segundos nas boias de meta. Nunha regata marcada polo forte vento do norte, concluíu terceira Amegrove e cuarta Chapela-Wofco, que por 1 punto salvou a segunda posición na xeral ante Tirán-Pereira.

A traiñeira local Cabo da Cruz gañou a primeira serie e finalizou quinta na súa bandeira, a 2” de Chapela-Wofco. Pola sexta praza pugnaron ata os últimos metros Esteirana e Rianxo, rematando por diante a traiñeira de Esteiro. A oitava posición correspondeu a Castropol.

A xeral da Liga Feminina 2026 termina con Salgado-Perillo como campioa con 15 puntos de diferenza respecto á Chapela-Wofco, que defendía o título. Tirán-Pereira obtivo o terceiro posto, Amegrove o cuarto, Cabo o quinto, Rianxo o sexto, Esteirana o sétimo e Castropol o oitavo.

LIGA A

O título da Liga A tamén tiña dono definitivo dende a véspera en Castropol. Na regata asturiana, Cabo da Cruz celebrara o ‘alirón’ e no peche do curso puxo á guinda logrando a décima vitoria consecutiva diante da súa afección. A 36ª Bandeira Concello de Boiro, undécima xornada da Liga A, dominouna dende o primeiro dos catro longos a tripulación anfitrioa.

Cabo foi a máis rápida no primeiro longo, con vento a favor, por 4” de diferenza. Por detrás dos boirenses viraron á par Tirán-Pereira e Samertolameu-Oversea, os dous conxuntos de Moaña que chegaron a esta cita empatados a puntos na segunda praza da xeral. O duelo entre veciños polo segundo billete para o playoff de ascenso decantouse no segundo parcial- Os do Con abriron unha diferenza de 8” en relación a Meira mentres que Cabo seguía ao seu e ampliaba ata os 6” a súa vantaxe en cabeza.

Os postos non variaron na segunda metade da regata. Os locais asinaron con autoridade o seu décimo triunfo consecutivo para ledicia da maioría das seareiras e seareiros que seguiron a regata dende o peirao. Tirán-Pereira acabou a 14” e cumprindo o seu obxectivo de dobregar a Samertolameu-Oversea. Fíxoo por 24”.

Mecos completou a quenda de honra na cuarta posición e na clasificación da bandeira ocupou o quinto posto. Os do Grove quedáronse a 4” da Cabana-Ferrol, vencedora da quenda intermedia e que rubricou en augas de Boiro o seu mellor resultado da temporada. Os remeiros da Albatros viraron na primeira ceaboga 3” por detrás de Bueu-Simei e tomaron o mando da súa serie no seguinte parcial. Sen opcións de achegarse ás súas acompañantes, Mugardos si que logrou finalizar sétima.

As dúas primeiras quendas disputáronse lanzadas con Narón impoñéndose na súa manga. Esta vez Cesantes-Rodavigo no conseguiu loitar ata o final pola vitoria na súa serie e cedeu 17” en relación ao equipo de Ferrolterra. Pola súa banda, Castropol descolgouse dende o principio e non puido eludir a décima praza.

Deste xeito, a Liga resolveuse co título de Cabo da Cruz, a quen acompañará no playoff de ascenso Tirán-Pereira. O playoff de permanencia disputarano A Cabana Ferrol e Narón, como sétima e oitava clasificada, respectivamente. Cesantes-Rodavigo e Castropol remarán o vindeiro ano na Liga B.