Chapela Wofco sentencia o título na liga masculina e acaricia o feminino con dúas victorias en Castropol
Castropol acolleu esta fin de semana a penúltima xornada da Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia, coa disputa da IV Bandeira Princesa de Asturias feminina e a XXXVII Bandeira Princesa de Asturias masculina. O peirao da localidade encheuse de público para presenciar unha cita marcada polo sol, un vento moderado de 11 km/h e pouca marexada, suficiente para poñer emoción nas remadas.
Quendas femininas
As dúas primeiras quendas femininas saíron lanzadas. Na primeira, Cesantes-Bueu tomou rapidamente a cabeza, seguida de Castropol e Rianxo, mentres que na segunda era Salgado Perillo quen lideraba con idéntico tempo que Cesantes-Bueu, por diante de Mecos e A Cabana. Na segunda virada, Cesantes-Bueu mantívose á cabeza da primeira quenda, mentres Rianxo superaba a Castropol, posición que xa non perdería. Na segunda quenda, Mecos pasou á cabeza, con Perillo segunda e A Cabana terceira, aínda por detrás do mellor tempo de Cesantes-Bueu. As posicións permaneceron iguais na terceira virada, aínda que Cesantes-Bueu conseguía o mellor parcial. No último longo, Mecos superou a presión e rematou gañando a súa quenda e mellorando o tempo de Cesantes-Bueu, algo que non lograron Salgado Perillo nin A Cabana, que remataron segunda e terceira, respectivamente.
Na última quenda feminina, as líderes de Chapela Wofco dominaron a manga de principio a fin, cunha vitoria que podería haber sentenciado o título de liga, segundo como estaban as posicións na primeira virada: segunda era Cabo, terceira Amegrove e cuarta Tirán Pereira, as segundas caían á sétima posición, superadas por gran parte das rivais das quendas anteriores. Na segunda virada, as de Moaña deron a volta á situación, remontando ata a segunda posición, con Amegrove terceira e Cabo caída á cuarta. Todas melloraron os tempos das mangas anteriores, e ao final Chapela Wofco conseguiu a vitoria, acariciando o título da liga, con 7 puntos de vantaxe sobre Tirán Pereira e só unha xornada por diante.
Quendas masculinas
Na xornada masculina, as dúas primeiras quendas lanzadas tiveron claros dominadores: Mecos na primeira e Bueu Simei na segunda. Por detrás de Mecos, Cesantes-Rodavigo e Cabo protagonizaron un duelo moi igualado, alternando as posicións en cada virada ata que finalmente Cabo conseguiu a vitoria na súa particular loita. Na segunda quenda, detrás de Bueu Simei, as posicións tamén foron cambiantes. Comezou segunda Urme, por diante de Narón e Mugardos, que marcaban o mesmo tempo que Mecos. Na segunda virada, aínda que as posicións non se alteraron, o tempo de Narón era igual ao de Mecos e o de Mugardos peor. Na terceira virada, Urme mantivo a segunda posición, pero Mugardos iniciou unha remontada espectacular, superando a Narón e, no último longo, tamén a Urme para rematar segunda na súa quenda. Narón concluíu cuarta, todas por diante de Mecos.
Na últimaquendamasculina, Chapela Wofco saíu decidida a gañar o título de liga, necesitando superar a Tirán Pereira por unha posición e lanzándose á regata con todo. Na primeira virada lideraban por diante de Samertolameu Oversea, Tirán Pereira e Castropol, aínda que os tempos sorprenderon, xa que viraron 8 segundos peor que Bueu Simei na quenda anterior. Esa sorpresa durou pouco, porque na segunda virada Chapela Wofco tomou o mando da xornada, mantendo o dominio nos dous últimos longos para asegurarse a bandeira e o título de liga. Por detrás, Tirán Pereira protagonizou unha remontada na terceira virada superando a Samertolameu Oversea; aínda que non puideron impedir o alirón de Chapela, aseguraron un punto sobre o seu principal perseguidor pola segunda posición. Cuarta foi Castropol, que en todo momento competiu co crono de Bueu Simei e conseguiu superalos, aumentando a súa vantaxe pola cuarta praza. O desenlace da liga decidirase mañá en Moaña.
