Portada ›› Remo ›› Chapela- Wofco e A Cabana Ferrol exercen de líderes en Oleiros

Chapela- Wofco e A Cabana Ferrol exercen de líderes en Oleiros

Chapela- Wofco e A Cabana Ferrol exercen de líderes en Oleiros

As sorpresas na apertura da cuarta fin de semana de competición na Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia non afectaron ás embarcacións que defendían as camisolas de líderes. Chapela-Wofco na Liga Feminina e A Cabana Ferrol na Liga B leváronse as bandeiras que se puxeron en xogo este sábado en Oleiros. Nun campo de regatas no que como é habitual o vento fíxose notar con forza, Cabo da Cruz nas mulleres e Bueu-Simei B nos homes foron as grandes revelacións da xornada.

A X Bandeira Concello de Oleiros Feminina, quinta xornada puntuable da temporada, constou de dúas quendas e en cada unha delas remaron cinco tripulacións. Na primeira serie saíu con forza Rianxo, que viña de facer última no Grove, e o primeiro longo completouno á par de Cesantes-Bueu e Cabo da Cruz. A 4 segundos do trío de cabeza virou A Cabana Ferrol e a 13” fíxoo Castropol. Os longos de volta eran os máis esixentes e o conxunto de Boiro aproveitou para abrir oco. Alcanzou a segunda ceaboga con 17” de marxe sobre Cesantes-Bueu, mentres que A Cabana situárase terceira logo de adiantar a Rianxo. As posicións no variaron na segunda parte da regata e Cabo impúxose por unha diferenza de 34”.

4G8A0400

O tempo da embarcación boirense comezárono rebaixando as cinco traiñeiras da quenda de honra, encabezadas por Tirán-Pereira. O equipo moañés concluíu o primeiro parcial 2” por diante de Chapela-Wofco. No segundo longo a Arealonga tomou o mando e non foi o único cambio. Só Chapela-Wofco mellorou o tempo de Cabo da Cruz, un rexistro que igualou Tirán-Pereira, pero con que non puideron Amegrove, Salgado-Perillo e Mecos, que viraron nesa mesma orde. As campioas da Liga Feminina nas dúas últimas temporadas ampliaron o seu colchón de 10 a 18 segundos no paso pola terceira e última ceaboga, sentenciando unha vitoria que acabaron obtendo por medio minuto de vantaxe. Foi o cuarto triunfo da temporada das beretes. Tirán-Pereira rematou segunda ao bater por 16” a marca de Cabo da Cruz. O terceiro posto das de Boiro representa o seu mellor resultado desta campaña. Amegrove ocupou a cuarta posición, Salgado-Perillo clasificouse quinta e Mecos tivo que conformarse co oitavo posto tras pechar a quenda de honra.
A xeral da Liga Feminina queda comandada por Chapela-Wofco con 48 puntos, 2 máis que Tirán-Pereira. Os dous equipos do Grove, onde este domingo se celebra a sexta xornada, empatan a 33 puntos na terceira praza.

LIGA B
A tarde de remo abriuse coa XXIV Bandeira de Oleiros, terceira cita no calendario da Liga B. Unha proba histórica dado que por primeira vez unha xornada da segunda división masculina foi retransmitida en directo pola segunda canle da Televisión de Galicia. As cinco traiñeiras compartiron quenda e a líder exerceu como tal no primeiro longo. A Cabana Ferrol virou 4” por diante de Puebla e Bueu-Simei B. A cuarta posición no primeiro paso polas boias exteriores correspondeu a Chapela-Wofco B e a quinta, aos anfitrións de Salgado-Perillo.
Os ferroláns racharon por completo a serie nun segundo parcial que terminou cun erro que lle saíu caro a Puebla. A Carmela ‘comeu boia’ e pasou da segunda á cuarta posición. As dúas filiais, Bueu-Simei e Chapela-Wofco, aproveitaron para adiantar aos da Pobra do Caramiñal mentres que rectificaba. Así pois, a terceira vitoria da Cabana Ferrol noutras tantas xornadas disputadas incrementou o seu valor debido ao accidente da súa principal rival na xeral. A Albatros venceu con 1 minuto e 2 segundos de vantaxe respecto a Bueu-Simei B, que nas dúas anteriores xornadas finalizara cuarta, e Chapela-Wofco cruzou a meta 4” máis tarde que a outra filial. Puebla non puido evitar o cuarto posto.