Portada ›› Remo ›› Chapela Wofco certifica un ‘dobrete’ histórico co título da Liga Feminina en Moaña

Chapela Wofco certifica un ‘dobrete’ histórico co título da Liga Feminina en Moaña

Chapela Wofco certifica un ‘dobrete’ histórico co título da Liga Feminina en Moaña

A Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia completou o seu calendario da temporada 2025 este domingo en Moaña coa undécima e última xornada tanto da Liga A como da Liga Feminina. Ao día seguinte de que Chapela-Wofco festexara o título masculino en Castropol, as mulleres da Arealonga selaron un ‘dobrete’ histórico posto que ningún club o conseguira ata o momento. Un fito que as tripulacións beretes rubricaron con dúas vitorias na cita organizada pola S.D. Tirán.

As remeiras de Chapela-Wofco chegaban á 5ª Bandeira Feminina Concello de Moaña con 7 puntos de vantaxe no máis alto da clasificación xeral respecto a Tirán-Pereira e non deron ningún tipo de opción ás locais para que saltara a sorpresa. Ademais, o conxunto anfitrión cometeu unha saída nula na quenda de honra. As líderes, e campioas da Liga Feminina os dous anos anteriores, xa dominaban cunha diferenza de 10 segundos sobre a tripulación moañesa ao remate do primeiro longo. A súa

2A3A5495

novena vitoria da temporada obtivérona por unha marxe de 32 segundos .Tirán-Pereira ocupou en todo momento a segunda posición, Amegrove a terceira e Cabo da Cruz a cuarta, pero nin A Pabliño nin a traiñeira de Boiro puideron mellorar o tempo da gañadora das dúas primeiras series.

A clausura da Liga Feminina comezara con dúas quendas lanzadas nas que se impuxo Mecos. A embarcación do Grove, igualada con Salgado-Perillo no primeiro parcial, abriu un oco de 6” en relación ás de Oleiros no segundo longo. O tempo da Mequiña nas boias de chegada resultaría despois inalcanzable para Amegrove e para Cabo da Cruz, que sufriu para manter a cuarta praza na xeral porque só puido ser oitava en Moaña. A traiñeira do Barbanza tiña 5 puntos de vantaxe na xeral sobre Mecos, un colchón que desapareceu na última xornada. Os dous equipos remataron igualados na xeral, un empate que lle serviu a Cabo para salvar o posto.

A Cabana Ferrol, terceira na segunda serie, fixo sétima na Bandeira por detrás da vencedora na primeira quenda: Cesantes-Bueu. As remeiras da Rita Regojo non tardaron en despegarse de Castropol e Rianxo. No duelo entre a Ría del Eo e a Virxe da Guadalupe, as dúas viraron igualadas na segunda ceaboga e foi no terceiro longo cando as asturianas decantaron a balanza ao seu favor.

Deste xeito, a clasificación xeral da Liga Feminina 2025 finalizou encabezada por Chapela-Wofco, segunda posición para Tirán-Pereira, terceira Amegrove, cuarta Cabo da Cruz, quinta Mecos, sexta Salgado-Perillo, sétima A Cabana Ferrol, oitava Cesantes-Bueu, novena Rianxo e décima Castropol

Liga A

Despois de quedar sentenciado o título na véspera en Castropol, a xeral da Liga A non rexistrou ningunha variación cos puntos que se repartiron na 43ª Bandeira Concello de Moaña. A despedida do curso viuse alterada minutos antes do seu inicio. Durante a entrega dos premios da Liga Femenina, o barco da organización moveu o tren de boias. Ese contratempo obrigou a un cambio de formato na regata, disputándose unha contra o reloxo a catro longos.

2A3A5831

As tripulacións remaron divididas en dúas quendas, a de honra contou con catro traiñeiras e a primeira con sete. O mellor tempo en todos os parciais marcouno Chapela-Wofco. Os gañadores da xeral non se relaxaron horas despois de cantar o ‘alirón’. Lograron unha renda de 5” respecto a Tirán-Pereira no primeiro longo, que se duplicou no segundo para á conclusión da ‘crono’ vencer por 25”. Así, a Arealonga asinou o seu décimo triunfo nesta campaña.

Tirán-Pereira apuntouse unha xornada máis o segundo posto, mentres que o terceiro foi para Bueu-Simei, a máis rápida na primeira serie. Os tempos da Maruxía non os conseguiron rebaixar dende o primeiro parcial na quenda de honra nin Samertolameu-Oversea nin Castropol. Meira despediuse no terceiro longo de calquera opción de mellorar a Bueu-Simei porque na última virada a diferenza pasou de 4 a 9”. Peor aínda lle foi a Castropol, que comezou o terceiro longo a 1” de Samertolameu-Oversea e rematouno a 7”. Os asturianos tiveron que defender no último parcial 1” de vantaxe sobre Narón. Lograron manterse na quinta praza da contra o reloxo por 66 centésimas.

O pulso pola sétima praza protagonizárono Mugardos e Urme. A Bestarruza, 1” máis lenta no primeiro longo, remontou no segundo a Muros Esteirana e a partir de aí ampliou a diferenza ata 11” nas boias de meta. Non houbo cambios de posicións entre Mecos -novena-, Cesantes-Rodavigo -décima- e a filial de Cabo da Cruz -úndecima-.

Polo tanto, Chapela-Wofco proclamouse por primeira vez campioa da Liga A e os outros dous postos de podio na xeral acadáronos a subcampioa Tirán-Perera e a terceira clasificada Samertolameu-Oversea. Co cuarto posto fíxose Castropol, co quinto Bueu-Simei, sexta concluíu Urme, sétima Narón, oitava Mugardos, novena Mecos, décima Cabo da Cruz B e undécima Cesantes-Rodavigo.