Chapela-Wofco asina un domingo perfecto
Chapela-Wofco viviu outra xornada redonda na Liga Galega de Traiñeiras-Trofeo Xunta de Galicia. Este domingo as súas mulleres adxudicáronse a I Bandeira Feminina Concello do Grove e os seus homes da Liga A conquistaron a XI Bandeira Illa do Samertolameu-Concello de Moaña. Ambas embarcacións beretes lideran con autoridade nas clasificacións xerais.
O repóker de vitorias na Liga A alcanzouno Chapela-Wofco no campo de regatas da segunda clasificada na xeral. Un golpe de autoridade que lle permite manter a condición de invicta despois da única cita da fin de semana na primeira división masculina. O vento soprou con forza en Meira e as primeiras en comprobalo foron Mugardos, Cesantes-Rodavigo e a filial de Cabo da Cruz. A Bestarruza logrou unha diferenza de 10 segundos na primeira virada e duplicou esa marxe na segunda. Por detrás de Mugardos, a igualdade rachouse no terceiro longo con Cabo B distanciándose en 5” de Cesantes-Rodavigo e ampliando esa distancia no derradeiro parcial.
A quenda intermedia ofreceu dous duelos, unha vez máis. Bueu-Simei encabezou a serie dende o primeiro longo con 5” sobre Urme, e Mecos tomou a dianteira respecto a Narón no segundo parcial. A Maruxía mantívose firme malia a tenacidade demostrada pola fusión de Muros e Esteirana. A diferenza final foi de 8 segundos. Polo contrario, si que cambiaron as tornas na pugna pola terceira praza. Narón anulou no longo definitivo os 3” de vantaxe obtidos por Mecos e bateuna nun emocionante esprint que se decidiu por 51 centésimas.
As catro embarcacións da quenda intermedia conseguirían o seu mellor resultado da temporada debido ao inesperado final da serie de honra. A batalla entre as catro primeiras clasificadas da xeral presentábase apaixonante e non defraudou. No campo de regatas da súa principal ameaza na táboa, Chapela-Wofco acadou o triunfo con menos diferenza da temporada, pero a súa gran rival non foi Samertolameu-Oversea. Os beretes completaron o primeiro longo 1” antes que Tirán-Pereira, mentres que Meira cedía 6” en relación á Arealonga e Castropol, 9”.
Chapela-Wofco e Tirán-Pereira, polos carreiros 4 e 3 respectivamente, reduciron a loita pola vitoria a un man a man no segundo parcial. Os portadores da camisola amarela chegaron ao ecuador da regata cunha renda de 4”, diferenza que se mantivo na terceira virada e que nas boias de meta sería de 7”. A súa quinta bandeira da temporada permítelle ampliar o seu colchón de puntos na xeral a 7 porque Samertolameu-Oversea tivo que conformarse polo carreiro 1 coa terceira praza. A sorpresa negativa no último longo protagonizouna Castropol. A última ceaboga realizouna co cuarto mellor tempo, sendo 4” máis rápida que Bueu-Simei, pero acabaría oitava, a 18” da Maruxía e con peor rexistro que as outras tres tripulacións da quenda intermedia.
Liga Feminina
A Liga Galega Feminina celebrou este sábado a súa sexta xornada puntuable coa disputa da I Bandeira Feminina Concello do Grove, en augas de Pedras Negras, O Grove. Cun día nublado, mar moderado e boa afluencia de público, a regata desenvolveuse nun ambiente animado e con gran expectación, nun momento clave da tempada onde cada punto cobra máis valor na loita polo liderado.
A primeira quenda estivo formada por Mecos, Rianxo e Castropol, configurada en función da clasificación da regata da véspera en Oleiros. Así, a pesar de ocupar a cuarta posición na xeral da liga, Mecos saíu nesta serie logo de rematar novena na última xornada. A traiñeira do Grove fixo valer o seu potencial desde o inicio, marcando o ritmo en todas as viradas e ampliando pouco a pouco a súa vantaxe sobre as rivais. Pola súa banda, Rianxo e Castropol mantiveron unha pelexa igualada durante boa parte da regata: só dous segundos as separaban na primeira virada, un na segunda, pero na terceira Rianxo abriu unha fenda de sete segundos que aumentaría ata máis de vinte na liña de chegada.
Na segunda quenda partiron Salgado-Perillo, A Cabana de Ferrol e Cesantes - Bueu. A embarcación combinada accedeu a esta quenda grazas ao oitavo posto conseguido no día de onte. Comezou liderando Perillo, coa Cabana a 4 segundos e Cesantes-Bueu a 7, todas por diante do tempo de Mecos. A diferenza entre as dúas primeiras reduciuse a 2 segundos na segunda virada, mentres Cesantes-Bueu xa se afastaba a 20 segundos, tamén por detrás do tempo das locais. No terceiro xiro, Salgado-Perillo puxo terra de por medio, deixando ás de Ferrol a 11 segundos, cun ‘crono’ que marcaba só dous segundos menos que o de Mecos na quenda anterior. Cesantes-Bueu seguía perdendo terreo, sen opción de coller as súas rivais, pero mellorando con claridade os tempos de Rianxo e Castropol. Na liña de meta, Salgado-Perillo certificou a vitoria da quenda, mentres A Cabana de Ferrol seguiu perdendo tempo ata chegar 1 segundo por riba do tempo de Mecos. Cesantes-Bueu, terceira da quenda, mantívose por diante das dúas últimas da primeira manga.
Na terceira e definitiva quenda entraron en acción as grandes favoritas, coa presenza de Cabo da Cruz, que accedeu grazas ao terceiro posto logrado en Oleiros, xunto ás líderes da liga Chapela-Wofco, Tirán-Pereira e as anfitrioas de Amegrove. A regata comezou cunha igualdade máxima: Chapela-Wofco lideraba con apenas un segundo sobre Tirán e dous sobre Amegrove, mentres Cabo xa quedaba a 10 segundos, pero por diante dos rexistros das quendas anteriores. A igualdade rompeuse na segunda virada, onde as de Chapela abriron unha fenda de 10 segundos sobre Tirán, 18 sobre Amegrove e 30 sobre Cabo, que igualaba entón o tempo de Salgado-Perillo na serie anterior, o que engadía interese pola parte traseira da clasificación. No terceiro xiro, Chapela ampliou a súa vantaxe a 12 segundos sobre Tirán e a 23 sobre as locais, mentres Cabo, cuarta, melloraba en cinco segundos o tempo de Perillo. A situación mantívose no último longo, e Chapela-Wofco certificou a súa vitoria tanto na bandeira como na xornada, sumando a súa quinta vitoria da tempada. Tirán Pereira foi segunda, cedendo un punto máis coas líderes, que amplían a diferenza a tres puntos. Amegrove, terceira, completou o podio na casa e afianza a terceira posición na xeral. Cabo da Cruz, cuarta, recorta un punto a Salgado-Perillo e dous a Mecos na loita por meterse na tanda de ho
