Portada ›› Remo ›› CHAPELA-WOFCO lévase de Boiro as bandeiras e case os dous títulos

CHAPELA-WOFCO lévase de Boiro as bandeiras e case os dous títulos

CHAPELA-WOFCO lévase de Boiro as bandeiras e case os dous títulos

Dobre remada practicamente definitiva a que deu Chapela-Wofco este domingo en Boiro para conquistar as dúas coroas da Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia. O club redondelán impúxose no campo de regatas de Cabo da Cruz tanto na bandeira da Liga Feminina como na da Liga A masculina. A falta da última fin de semana do calendario, a entidade berete acaricia os dous títulos.

A II Bandeira Feminina Club de Empresas CRCC – Concello de Boiro, novena e antepenúltima xornada da Liga Feminina, abriu a xornada no regreso da competición feminina logo dunha fin de semana de paréntese. Dende o primeiro dos catro longos, Chapela-Wofco abriu oco e a metade de regata contaba con 18 segundos de vantaxe respecto a Tirán-Pereira. A Arealonga selou o seu sétimo triunfo da temporada con 37 segundos de marxe e amplía a diferenza na xeral a 6 puntos sobre as moañesas.

O duelo pola segunda praza estivo máis emocionante con Amegrove iniciando o último longo a 4” de Tirán-Pereira, pero a Mar do Con non se deixou sorprender e acabou batendo por 7” á Pabliño. A cuarta praza na quenda de honra ocupouna en todo o momento o conxunto local, que remataría quinto despois de non poder mellorar os tempos de Salgado-Perillo na última ceaboga e na liña de meta.

O conxunto de Oleiros dominou con autoridade as dúas primeiras series, que se disputaron lanzadas. Xunto a Salgado-Perillo remaron A Cabana Ferrol e Mecos, igualadas á conclusión do primeiro parcial. As do Grove foron superiores no resto da regata. A oitava praza na clasificación da Bandeira correspondeu a Cesantes-Bueu, embarcación que non tardou en distanciarse de Castropol e Rianxo. As asturianas obtiveron con comodidade o segundo posto na súa quenda.

LIGA A

O vento compareceu con intensidade xusto antes da quenda de honra na 11ª Bandeira Marina Cabo da Cruz e resultou clave na novena e antepenúltima xornada da Liga A masculina. O resultado da regata de Boiro provocou dous cambios na xeral. Non varía a táboa no máis alto, con Chapela-Wofco que colleitou a oitava vitoria deste curso e goza de 11 puntos de vantaxe. Iso si, os remeiros beretes víronse obrigados a remontar para levarse o triunfo de Boiro.

Á conclusión do primeiro longo na quenda de honra, ningunha das catro embarcacións melloraba os rexistros de Castropol e Urme, as dúas máis rápidas na serie intermedia. Chapela-Wofco virou a 5 segundos do tempo dos asturianos e 1” por riba do de Muros e Esteirana. A tripulación que lidera a Liga A situouse primeira a metade da regata tras un parcial con vento a favor, pero no terceiro longo marcou o mesmo tempo que a Ría del Eo. Todo se decidiu camiño das boias de chegada e a Arealonga non fallou. Venceu por 9” de diferenza.

O tempo de Castropol non o rebaixou Tirán-Pereira, terceira a 13” de Chapela-Wofco, e Samertolameu-Oversea remou sempre terceira na quenda de honra para acabar clasificándose cuarta na Bandeira. A gran decepción sufriuna Bueu-Simei. Os dous longos de ida completounos con noveno mellor tempo e no final só puido recuperar un posto para terminar oitava. Unha posición que lle custa a cuarta praza da xeral.

Castropol foi a gran beneficiada da xornada. Como gañadora das dúas primeiras series, que se celebraron lanzadas, recuperou o posto na quenda de honra xusto antes de remar o vindeiro sábado na súa casa. No seu mellor resultado da temporada, tivo a Urme en todo momento como inmediata perseguidora. Si que variaron as posición entre os outros dous equipos da serie intermedia. Narón deulle a volta no terceiro longo aos 2” que perdía con Mecos no ecuador da regata.

A Mequiña, novena, quedou finalmente a menos de 2” do tempo de Bueu-Simei, e na xeral adiántaa Mugardos. A Bestarruza conseguiu o seu mellor posto do ano, o sexto, e volve á quenda intermedia despois de deixar atrás dende o primeiro parcial a Cesantes-Rodavigo e á filial de Cabo da Cruz na primeira serie. Os anfitrións estiveron de principio a fin por detrás do seu rival máis directo na Liga A.