Chapela Wofco e Ares campións dos Trofeos Xunta de Galicia da Liga Feminina e da Liga A
- Ambas traiñeiras gañaron os títulos por todo alto, levándose tamén as bandeiras en Cabo da Cruz
- Tirán Pereira supera a Chapela Wofco na regata da liga A e mantén as opcións de loitar pola segunda posición
- Cesantes Rodavigo e Narón que pecharon a clasificación competirán no play off por manter a categoría
O Porto de Cabo da Cruz acolleu esta mañá unha nova xornada da liga galega feminina e da liga A. E non foi unha xornada calquera, xa que en ambas bandeiras coroouse aos campións de estas dúas ligas. O Trofeo Xunta de Galicia da Liga Feminina é para Chapela Wofco e da Liga A é para Ares. As dúas traiñeiras, ademais, proclamáronse campioas por todo o alto, gañando as bandeiras. As rapazas da Arealonga leváronse a I Bandeira Feminina Club de empresas CRCC e os da Santa Olalla de Lubre conseguiron a X Bandeira Marina Cabo da Cruz.
Ademais, ambas o fixeron con moita contundencia deixando sen opcións aos seus rivais. Na liga feminina, coas dúas quendas lanzadas, Chapela Wofco marcou os mellores parciais dende a primeira virada, e o facía por diante de Salgado Perillo, que era segunda, e coa súa principal perseguidora Cesantes Amegrove Cefycal terceira, o que achegaba aínda máis o título de liga. Non especularon as rapazas de Chapela Wofco en ningún momento e non fixeron máis que auméntea a súa vantaxe. Bandeira, maiot e liga para elas. Segunda foron as rapazas de Salgado Perillo, igualando o seu mellor resutaldo da tempada, e terceiras as de Rianxo, que tras unha quenda igualada conseguiron superar a Cesantes Amegrove Cefycal. A quinta posición foi para as anfitrioas de Cabo de Cruz, que dominaron a primeira quenda sen achegarse aos tempos das rivais que partiron na segunda. Sexta foi Mugardos a Cabana de Ferrol e sétima Castropol. Ambas lonxe de Cabo de Cruz e con bastante diferencia entre elas.
Ao igual que as rapazas de Chapela Wofco, Ares tamén dominou dende o primeiro momento. Xa na primeira virada deixaba a Tirán Pereira e a Chapela Wofco a 7 e 8 segundos respectivamente. Unha diferencia moi ampla, incluso para un campión como Ares. Aos da Santa Olalla valíalles a quinta posición para ser campións pero tampouco se conformaron. Non baixaron o ritmo e foron aumentando a súa vantaxe con Tirán Pereira ata certificar a vitoria na tempada e un novo título de liga, revalidando o conseguido p pasado ano. Segundo foron os da Mar do Con que defenderon a posición nun duelo igualado con Chapela Wofco e recórtanlle un punto ma clasificación xeral, mantendo vivas as opcións da segunda posición. Cuarto foi Castropol, hoxe os asturianos mellorando con claridade os tempos das rivais das quendas anteriores.
Precisamente, nesas mangas o mellor tempo o marcou Rianxo. A Virxe da Guadalupe partía na segunda quenda e volveu a loitar á par do seu perseguidor, Samertolameu Oversea. Ambas marcaron tempos similares nas dúas primeiras viradas, pero na terceira, Rianxo puxo terra de por medio. Aínda así, os de Fran González tiveron que estar pendentes do crono, xa que os parciais de Mugardos A Cabana de Ferrol, dende a primeira quenda, situábanos en tempos similares. Os de Rianxo e os de Ferrol gañaron as súa quendas, pero o mellor posto foi para os do Barbanza por 2 segundos. Segundos de ambas mangas foron Samertolameu Oversea e os locais de Cabo de Cruz, que tamén marcaron tempos similares. A Terca superou aos locais por pouco máis dun segundo. Por detrás de Meira, na terceira quenda, Urme e Mecos viraron á par en todas as referencias, ata que na champa final a vitoria foi para os de Muros Esteirana. Undécima foi Cesantes Rodavigo, que superou a Narón, aínda que con tempos moi lonxe dos rivais que lideraron a primeira quenda, Mugardos a Cabana de Ferrol e Cabo da Cruz. Con estes resultados, Narón acompañará a Cesantes Rodavigo ao play off por manter as prazas da liga A na tempada 2025.