Jose Alfredo Bea, catro anos máis presidente da F.G.P.
O sábado día 8, no salón de actos das instalacións do Encoro Pontillón do Castro (Berducido), celebrouse a Asamblea da Federación Galega de Piragüismo na que se procedeu á elección de Presidente e da Comisión Delegada, para os próximos catro anos.
O primeiro punto da orde do día, Elección de Presidente, non precisou de votación pois só se presentou un candidato, José Alfredo Bea García, e segundo os Estatutos da entidade e o propio Regulamento Electoral, ao haber un só candidato non fai falla a votación e por iso se procedeu ao nomeamento do novo presidente.
Unha vez refrendado como Presidente, José Alfredo Bea dirixiu unhas breves palabras aos membros da Asamblea presentes, indicando que “en vindeiros días poreime en contacto con membros dos distintos estamentos para formar a Xunta Directiva”.
Engadindo que vai continuar coa laboura que viña desenvolvendo á fronte da federación, da que foi presidente nos últimos once meses, manifestou que “queremos seguir traballando en aumentar a riqueza dos clubes, o que fará que se enriqueza a propia federación; en igualdade no trato e con transparencia “.
Asi mesmo anunciou que no mes de febreiro celebrarase a Asamblea Ordinaria, na que ademais de presentar as contas, orzamentos, calendarios, etc, proporá “modificar os Estatutos, quitándolle poder ao presidente en beneficio da Asamblea e da Xunta Directiva, buscando unha maior axilidade no traballo diario da Federación”. Para rematar, solicitou aos membros da Asamblea a presentación de propostas e ideas de cara a vindeira asamblea.
Outra das novidades deste novo período de mandato na F.G.P., son as novas instalacións da mesma, cuxas oficinas foron xa trasladadas ás instalacións do Encoro do Pontillón do Castro (Berducido), e que estarán operativas dende o día de hoxe, luns 10 de xaneiro.