CHAPELA WOFCO FEMININO NON DA OPCIÓN ÁS SÚAS RIVAIS E REEDITA A VITORIA NA CASA
- Ares volve a gañar na liga A e escápase no liderado
- Cedeira gaña na liga B e arrebátalle a primeira posición da liga a Puebla
A liga galega de traiñeiras desprazouse este sábado ao Porto de Chapela, no concello de Redondela, con todas as súas embarcacións para disputar unha nova xornada en cada unha das diferentes ligas. Cun día soleado e a mar case en calma, centos de persoas se achegaron a Chapela para gozar do remo galego.
Abriron a competición as traiñeiras da liga B con dúas quendas lanzadas. Na primeira competiron Riveira, Bueu-Simei B e Salgado Perillo e na segunda Chapela Wofco B, Cedeira e Puebla. Na primeira manga, Riveira saíu moi forte, superando con claridade a Bueu e a Salgado Perillo que marcaban tempos similares. Na metade da quenda, Riveira escapábase a 7 segundos dos de Oleiros dando a sensación de certificar a vitoria da manga, pero na terceira virada, Salgado Perillo, que xa estaba claramente por diante dos de Bueu, recortaba a diferencia cos do Barbanza ata os tres segundos. No último longo, os de Riveira, véndolle as orellas ao lobo volveron a apertar para evitar a remontada dos de Perillo e certificaron a vitoria da quenda. Os de Oleiros foron segundos e pechou a manga Bueu Simei. Na seguinte quenda, as posicións establecéronse dende a primeira virada. Cedeira marcaba o mellor tempo por diante dos que eran os líderes ata a regata de hoxe, Puebla. Terceiro eran os anfitrións de Chapela Wofco B cuns tempos máis próximos aos de Riveira que aos de Puebla. As posicións non cambiaron e Cedeira fíxose coa bandeira e co liderado, xa que iguala a puntos e a bandeiras a Pubela pero ponse por diante por gañar a última. Terceiro foi Chapela Wofco B, que aguantou en todo momento por diante dos tempos de Riveira.
A continuación partiu a liga feminina, que tivo unha cor clara, o laranxa do club de Remo de Chapela Wofco feminino. A vitoria das locais foi tan grande, que a pesar de saír en dúas quendas lanzadas conseguiron chega á par cos rivais da segunda manga. Deixando con poucas opcións ao resto de traiñeiras e demostrando a experiencia, a veteranía e o acoplado que está este barco dende hai anos. Segundas foron as veciñas de Cesantes Amegrove Cefycal, que superaron con claridade a Cabo e a Rianxo. Pero a sorpresa da xornada veu na terceira posición da clasificación, xa que Salgado Perillo, que rematara última na primeira xornada, conseguiu gañar a primeira manga e mellorar o tempo das dúas embarcacións do Barbanza. As de Perillo conseguiron resarcirse do erro da semana pasada e ascenderon ao terceiro posto da xornada. Cuarta foi Rianxo e sexta Cabo, que quedou por detrás de Mugardos A Cabana de Ferrol. As de Ferrol superaron na súa manga a Castropol nun duelo disputado a pesar da diferencia de 12 segundos que marcou o resultado final. Nas primeiras viradas ambas traiñeiras estaban a tan só 2 e 3 segundos, pero foi no terceiro longo onde as de Mugardos A Cabana de Ferrol puxeron terra de por medio coas asturianas.
Pecharon a competición as traiñeiras da liga A, con dúas quendas lanzadas e unha terceira aparte. Nas dúas primeiras, o baile de posicións foi constante. Na primeira manga comezou liderando Narón por diante de Cabo e Mugardos A Cabana de Ferrol, que ían igualadas, e con Cesantes Rodavigo cuarta. Na seguinte virada foi Cabo a colleu a dianteira pero na terceira Narón púxoselle á par. No último longo, os do Barbanza apertaron máis que os da Gándara e se fixeron coa vitoria da quenda. Terceiro foi Mugardos A Cabana de Ferrol, que cedeu nos últimos longos e cuarto Cesantes Rodavigo, aos de Redondela estalles custando superar ao resto de rivais.
Na segunda manga foi Urme a que comezou liderando a tan só un segundo de Rianxo pero a partir do segundo parcial, os da Virxe da Guadalupe subiron a intensidade pensando máis nos rivais da quenda de honra que nos que tiña ao lado e gañaron a quenda con claridade. Urme mantívose na segunda posición un longo máis porque no terceiro, Samertolameu Oversea que virara última na primeira referencia, púxoselle á par para terminar por superala no último longo. Os de Urme finalmente quedaron terceiros de manga e oitavos na xeral, xa que empeoraron o tempo de Cabo por tan só un segundo. Pechou a segunda quenda Mecos, que pouco a pouco foise afastando da loita pola manga ata quedar por detrás incluso de Narón e de Cabo, pechando o día na décima posición.
Tras as dúas quendas lanzadas foi o momento da quenda de honra. Como sucedeu en Cesantes, a batalla volveu a estar entre Ares e os locais. Chapela Wofco intento sen éxito superar aos da Santa Olalla que en cada parcial aumentaban un segundo a súa diferencia. Dous no primeiro, tres na segunda virada e catro na terceira, para rematar gañando a quenda e a bandeira por menos de 5 segundos. Nova vitoria de Ares, tres de tres, que lles permite escaparse xa a catro puntos na clasificación xeral por diante dos da Arealonga que son segundos. Terceiro é Tirán Pereira que conseguiu no último longo salvar as súas opcións de liga, e que é os de Moaña comezaron a regata por detrás de Castropol e marcando o noveno tempo na primeira virada. Na segunda referencia xa superaban aos rivais das quendas anteriores pero vían a Castropol a 4 segundos, un máis que na primeira virada. Foi no terceiro longo cando os de Tirán deron un xiro á quenda e superaron a Castropol por 4 segundos, é dicir, os de Moaña fixeron un longo 8 segundos máis rápido cos asturianos. A situación no variou no último longo e Tirán Pereira quedou terceiro e Castropol cuarto.