Portada ›› Remo ›› A Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia coroou a Ares, Chapela Wofco e Cedeira

A Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia coroou a Ares, Chapela Wofco e Cedeira

A Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia coroou a Ares, Chapela Wofco e Cedeira

As tres tripulacións que se proclamaron campioas recibiron as bandeiras da temporada 2024 na Gala celebrada na Cidade da Cultura de Galicia
Tamén se entregaron os premios de mellores patróns e equipo revelación

O calendario de regatas da Liga Galega de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia rematou a finais do mes de agosto, pero a temporada 2024 non se pechou oficialmente ata o pasado sábado. O edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acolleu a Gala de clausura da campaña disputada ao longo do pasado verán. Ademais de coroar ás tres tripulacións que se proclamaron campioas, neste acto tamén se entregaron os premios de mellores patróns e equipo revelación.

Coa presenza de José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporta da Xunta de Galicia, a primeira ovación da tarde nun auditorio ateigado estivo dedicada aos tres conxuntos galegos que a mediados de setembro disputaron os playoffs para competir o vindeiro ano na Liga Eusko Label e Euskotren. Ares conseguiu un salto de categoría que se lles resistiu ás embarcacións masculina e feminina de Chapela Wofco.

O ascenso de Ares foi a guinda a unha temporada na que a Santa Olalla de Lubre se impuxo en once das trece regatas puntuables da Liga A do Trofeo Xunta de Galicia. O seu patrón Hugo Rascado ondeou sobre o escenario a bandeira que os recoñece como os máis fortes do curso 2024, un título acadado por segundo ano consecutivo. As medallas de prata recolléronas os remeiros de Chapela Wofco e as de bronce, os de Tirán Pereira. O premio de mellor patrón da Liga A recaeu en Francisco González Montenegro, o encargado de guiar á embarcación de Rianxo.

Tamén revalidaron a súa condición de campioas as mulleres de Chapela Wofco, logo de asinar unha temporada case perfecta ao lograr oito triunfos de nove posibles. A segunda posición na clasificación xeral final ocupouna Cesantes Amegrove Cefycal, unha tripulación que se levou desta gala outros dous premios: o de mellor patroa, distinción que Julia Devesa compartiu co seu compañeiro Damián Pérez, e o de equipo revelación da tres Ligas do Trofeo Xunta de Galicia. O podio da Liga Feminina completouno Salgado Perillo.

A terceira bandeira correspondente á campaña 2024 marchou rumbo ás instalacións do Club de Remo Cedeira, vencedor da Liga B. A traiñeira que se adxudicou catro das seis regatas que ofreceu o calendario da segunda división masculina contou coa designada como a mellor patroa da categoría, Noemi Martín. Os metais de segundos e terceiros na táboa xeral recibíronos, respectivamente, os remeiros de Puebla e os da filial de Chapela Wofco.

300924_HK8A0384